Galinux é software libre, así que vostede é libre de copialo e reinstalalo cantas veces queira en tantos computadores como desexe de forma completamente legal e gratuíta. Tamén pode modificalo para adaptalo ás súas propias necesidades e mesmo redistribuílo no seu contorno. É software libre, así que: anímese e páseo!
Seguro que antes de instalar o Galinux vostede quere saber como funciona mais non quere correr riscos… os seus datos son o máis importante.
De desexar probar o Galinux sen perder nada do que xa ten, reinicie o seu equipo despois de lle inserir o CD. Se aínda non ten un CD de Galinux, pode descargalo directamente ou ben obter unha copia acudindo a un dos puntos de distribución. Aparecerá un menú de texto no que debe escoller a primeira das opcións: Probar sen realizar ningunha alteración no computador e o Galinux cargarase na memoria sen tocar o seu disco duro. Próbeo sen medo, e cando termine, retire o CD. A próxima vez que arranque, todo continuará no seu lugar.
Galinux é unha iniciativa da Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, da Consellaría de Innovación e Industria (Xunta de Galicia) enmarcada no Plano Estratéxico Galego da Sociedade da Información (PEGSI 2007-2010).
Este proxecto resulta posíbel grazas ás achegas da comunidade internacional de software libre da que forman parte empresas como Canonical ou Sun e fundacións como Mozilla. Teñen especial importancia as achegas da comunidade de tradución de software ao galego (g11n) coa coordenación de Mancomún, o Centro de Referencia e Servizos de Software Libre.
… e se lle gusta, pode instalalo e recuperar os seus datos!
Se despois de probalo gostou do que viu, o mellor é que se anime a instalar o Galinux no disco duro do seu computador, xa que mellorará o seu rendemento. Pode instalalo borrando todo o anterior, ou ben facelo de xeito que conviva con outro sistema operativo. Se vostede ten datos importantes no disco duro é recomendábel que teña unha copia de seguridade á man, aínda que o Galinux tratará de recuperalos e facelos accesíbeis dende o seu novo escritorio.
Galinux é un completo sistema operativo de fontes abertas que vén configurado para poder empregar calquera computador compatíbel no noso propio idioma: o galego.
Non son precisos coñecementos técnicos especiais para poder beneficiarse das vantaxes básicas do Galinux, pois inclúe automaticamente os programas informáticos máis empregados: para navegar pola Internet, acceder ao correo electrónico, escoitar música, escribir documentos de texto, facer gráficas e cálculos, ver vídeos ou películas, compartir ficheiros, conversar por mensaxería instantánea e moito máis.
Co Galinux disporá dun contorno de escritorio fiábel, seguro e sempre actualizado, xa que ao estar baseado na popular distribución nomeada Ubuntu poderá recibir periodicamente as actualizacións gratuítas que son distribuídas para manter o seu equipo ao día. E para resolver as cuestións máis frecuentes, non o dubide: pregunte na Rede a calquera dos milleiros de persoas que tamén empregan Ubuntu.
Consulte o seu punto de distribución máis cercano da Rede de Dinamización:
Centros da Rede de Dinamización
ou ben contacte connosco a través do seguinte enderezo de correo-e:
galinux@mancomun.org